29 jun 2011

Unha illa tamén demográfica

San Sadurniño consegue manter poboación
O INE acaba de publicar o avance dos datos poboacionais a 1 de xaneiro de 2011.  A efectos estatísticos en San Sadurniño somos 3.099 persoas. E dicimos a efectos estatíscos porque desde aquela houbo xente que nos deixou para sempre pero tamén outra que naceu ou que elixiu San Sadurniño para vivir. Dous terzos da nosa poboación está entre os 16 e os 64 anos e somos practicamente o mesmo número de mulleres que de homes.

Son só números, pero números que teñen a súa importancia. Galiza perde poboación e, ademais, seguen producíndose migracións do interior á costa ou, dito doutra maneira, do rural aos maltreitos polos económicos do país. Aquí aguantamos e mesmo subimos. Minimamente, pero subimos. O INE dí que gañamos 1 habitante con respecto aos datos de xaneiro de 2010. Este ínfimo incremento sitúanos xunto con Ares e Narón no exclusivo clube dos concellos da comarca que manteñen o tipo en canto a demografía.

Certo é que a estatística marcha a distinto ritmo que a vida e teremos que agardar até finais deste ano para ver se a tendencia positiva se mantén ou se, pola contra, debemos asumir que cada vez somos menos. No contexto no que nos atopamos, os concellos deben ser dinamizadores sociais e económicos para crear condicións que axuden ao crecemento poboacional, procurando ademais que ese crecemento se produza pola base da pirámide.

Niso andamos traballando desde o BNG de San Sadurniño. Houbo quen dixo logo do 22 de maio que somos unha illa rodeada de gaivotas. Tamén queremos ser unha illa demográfica e exemplo de que o rural ten valor e recursos endóxenos abondos para proporcionarlle a calquera unha vida de calidade.

15 jun 2011

Suso, deputado de todo o norte

Temos xa un deputado. Este martes votouse na xunta electoral quen serán os nosos representantes no órgano provincial. Á Deputación da Coruña correspóndenlle 31 escanos, dos que o PP obtivo 17, o PSOE 9 e o BNG 5. Ocorre que o pleno das deputacións se nutre dos concelleiros electos en cada partido xudicial e aos de Ferrol e Ortigueira, tócalles achegar cinco en conxunto.

Seguro que xa sabedes os nomes e a distribución: Diego Calvo e Miguel de Santiago por Ferrol e Narón respectivamente, Julio Iglesias e Montse García por Ares e As Pontes, e, por último -aínda que non menos importante- Xesús Soto por San Sadurniño.

A votación dos deputados causou malestar entre algúns históricos populares como o alcalde das Somozas, quen sinalou que non elixir deputados dos concellos  rurais "é unha falta de respecto á zona norte e aos concellos máis pequenos". Non lle falta razón a Candocia, da nosa zona incorporaranse ao pleno provincial  tres depuntados da banda da ría e unha das Pontes, é dicir,  de concellos que pasan con moito dos 5.000 habitantes e mesmo multiplican varias veces esa poboación, como Ferrol e Narón. De Ortigueira e arredores non haberá ningún representante.

Suso Soto é, malia entrar formar parte da oposición, quen aparece como único capaz de elevar ao pleno provincial aqueles asuntos que máis lles preocupan aos concellos que van de Trasancos até o Barqueiro.

4 jun 2011

A asemblea local aproba a proposta de configuración do novo goberno municipal

A primeira asemblea local do BNG logo das eleccións serviu para analisar uns resultados que situaron San Sadurniño como un dos lugares de Galicia onde o bloque sacou un maior porcentaxe de votos.   Pero a asemblea tamén serviu para dar a coñecer como quedarán distribuídas as concellarías no seo dun goberno enteiramente nacionalista.

Secundino García desvelou que Manolo Varela, Pepe Gudín, Mari Carme Muíño e Suso Soto continuarán traballando nas mesmas áreas que até o momento, aínda que no caso deste último prevese que compatibilice o seu labor municipal con tarefas organizativas. As novas incorporacións, Amparo Calvo e Ana Belén Bereijo, faranse cargo das áreas de Servizos e Medio Ambiente e de Educación e Igualdade respectivamente.

No marco da xuntanza, García Casal destacou que tanto el como os novos concelleiros e concelleiras son "un equipo" no que non haberá diferenzas á hora de tomar decisións. Algo que fixo extensivo ao resto dos membros da candidatura, aos militantes e aos simpatizantes do BNG, a quen convidou a participar activamente no día a día da política municipal e, sobre todo, na detección de necesidades veciñais de cara a darlles unha resposta inmediata.

Ao respecto da distribución das áreas e do aumento do número de concelleiros con responsabilidade no goberno, o alcalde en funcións asegurou que esta circunstancia non suporá un incremento no gasto municipal, posto que se prevé que un dos membros do equipo non perciba compensación económica polo desempeño das súas funcións.

No tocante ao estado organizativo da agrupación local, na asemblea púxose de manifesto que o BNG de San Sadurniño goza dunha excelente saúde. Neste sentido marcouse como un dos obxectivos principais a medio prazo o reforzo da súa estrutura . Da mesma maneira tamén se puxo enriba da mesa a necesidade de continuar informando puntualmente a través do Embloque e das redes sociais tanto da xestión do equipo de goberno como do posicionamento do BNG sobre a política autonómica e estatal neste contexto de crise no que nos encontramos.